Sunday 07 de July de 2024

A Pobra recepciona a bandeira azul para a praia da Lombiña-Cabío


A praia da Lombiña-Cabío é un dos areais recoñecidos coa bandeira azul pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) neste 2024.

O acto de entrega das 140 bandeiras azuis que corresponden a Galicia -114 praias, 11 portos deportivos e 15 centros azuis- desenvolveuse no 13 de xuño, en Doniños (Ferrol), ata onde se desprazou a concelleira do Turismo da Pobra do Caramiñal, Estefanía Ramos.

O distintivo izarase proximamente para ondear durante todo o verán. Cómpre lembrar que a súa concesión responde a unha serie de criterios ambientais e de calidade nos servizos e instalacións das praias, portos e centros.

Con relación a isto, a edil destaca a calidade das augas e situación deste areal, ademais das prestacións que ofrece: paseo marítimo, zona de estacionamento, posto de salvamento, parque infantil, baños públicos, restaurantes e empresas de actividades náuticas. A Administración local pobrense decidiu neste ano postular a esta candidatura, cuxo resultado foi positivo.

“Este novo galardón súmase á obtención do Sistema Integral de Calidad Turística En Destino, coñecido comunmente como SICTED, co que tamén conta a oficina do Turismo, o Museo Valle-Inclán e a praia dos Areos, ademais de acadalo recentemente a Policía local” destacada Ramos. A titular do Turismo subliña o compromiso por seguir “traballando arreo para dar a coñecer A Pobra do Caramiñal como un destino sinónimo de turismo sostible e de calidade, cunha ampla oferta de actividades para desfrutar e recursos paisaxísticos e patrimoniais de gran valor. A nosa estratexia turística busca que quen nos visite, pero tamén a nosa veciñanza, experimente todo isto.” Salienta, ademais, o esforzo loxístico e económico que fai o Concello para a posta a punto e mantemento das praias na tempada estival e anima a gozar do litoral pobrense, ben sexa de áreas marítimas de gran extensión como A Corna ou Os Areos, ou de menor tamaño como Agronovo, Niñeiriños ou A Mercé.